3edata participa no Proxecto de Innovación que porá en valor o sistema tradicional de cabalos bravos no monte en Sabucedo

  • Buscarase valorizar os servizos que aportan os cabalos bravos e minimizar os conflitos sociais derivados da súa presenza.
  • Empregaranse solucións innovadoras para o seguimento dos animais por GPS e drones.
  • As medidas poderán ser exportadas a outras poboacións galegas de cabalos bravos.

3edata, a asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Universidade da Coruña e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo desenvolverán, nos próximos dous anos, un proxecto innovador para mellorar a xestión dos cabalos bravos do monte. O proxecto vertébrase en accións de carácter tecnolóxico e de divulgación. As primeiras buscan facilitar o manexo, minimizar problemas e adquirir coñecemento práctico sobre o uso dos cabalos como ferramenta de xestión forestal. As segundas está orientadas a mellorar a visión que a sociedade ten desta actividade. Este proxecto conseguiu financiación na convocatoria de “axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI)”, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O proxecto xurdiu cando no pasado xuño, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo constituíu un grupo operativo de innovación contando cunha axuda da Xunta de Galicia para a “creación de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal”. O propósito era conformar un grupo operativo destinado a identificar e analizar os diversos problemas aos que se enfronta a poboación de cabalos bravos nos montes de Galicia e o seu manexo tradicional, e definir un proxecto innovador centrado na solución dos problemas identificados.

Este grupo operativo aglutina unha serie de entidades públicas e privadas, con interese na continuidade das poboacións de cabalos bravos no monte e do seu manexo tradicional. Están incluídas tres asociacións de besteiros (ou propietarios de bestas, que é como se denominan popularmente estes équidos): Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), que lidera o grupo; a Asociación de Gandeiros de Cabalos do Monte da Groba (Baiona); e o Monte de Carballo (Friol). Por outra banda inclúe organismos investigadores de diferentes áreas de estudo relacionados co cabalo: Universidade da Coruña, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, do INGACAL, e Centro Tecnolóxico da Carne. Tamén inclúe entidades que desenvolven actividades de promoción e asesoramento a produtores de equino (PURAGA), entidades relacionadas coa conservación da natureza (Asociación Galega de Custodia do Territorio), e entidades con experiencia na vertente cultural e antropolóxica destes cabalos e os curros ou rapas (Instituto de Estudos Miñoráns). Remata o grupo 3edata,  spin-off do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela.

No proxecto empregaranse solucións innovadoras no manexo dos animais e o seu entorno como o marcaxe dos cabalos con GPS, o uso de drons para a localización dos animais nas zonas máis remotas e inaccesibles, e peches que eviten accidentes de tráfico, ademais de outras medidas para a posta en valor dos cabalos bravos. Entre os obxectivos está evitar os conflitos entre besteiros e propietarios forestais, e diminuír o risco de incendios empregando os cabalos para a redución de biomasa. Os resultados repercutirán directamente sobre a poboación de cabalos de Sabucedo, pero serán de gran interese para besteiros en todas as zonas de Galicia en que se atopan estas poboacións de cabalos bravos. Estas novas medidas poderán ser exportadas a outras zonas, colaborando deste xeito no mantemento deste elemento singular galego, de gran valor ecolóxico e cultural.